O Balneario de Mondariz está formado por varios edificios que ofertan unha gran variedade de servizos. Destaca a construción histórica do Gran Hotel, obra de Jenaro de la Fuente, xunto cos seus xardíns, ambos restaurados recentemente. Tamén hai que mencionar o antigo Hotel Sanatorio, proxecto non rematado de Antonio Palacios, onde se levantaría o hotel; a estatua de Peinador; e a fonte termal de Troncoso, á que se accede por un paseo do río Tea, e a da Gándara, sobre a que Palacios levantou un pavillón de granito pulido. Finalmente, elementos coma o campo de golf, o Museo Municipal da Auga ou o Palacio del Agua (unha nova aposta termolúdica) conforman este magnífico espazo de lecer.
O balneario viviu momentos de grande esplendor e recibiu a visita de personaxes ilustres da cultura, do pensamento e da política da época: Castelao, a raíña Isabel de Portugal ou Emilia Pardo Bazán. Posuía a súa imprenta, coa que se lanzaba o semanario La Temporada e a revista Mondariz. Tiña incluso moeda propia, o peinador. A Guerra Civil paralizou a vida do lugar e, máis tarde, un incendio en 1973 poñería fin a unha época dourada, hoxe totalmente recuperada e adaptada ao novo século. A área termal do Balneario de Mondariz, que arrastra unha tradición de máis dun século, é a día de hoxe un centro dotado das máis modernas técnicas de aplicación de augas mineromedicinais, ideais para tratamentos de saúde, beleza e relax. Un balneario á carta que conta cun servizo profesional e personalizado baixo a dirección dun equipo médico.
☏ +34 986 656 156
✉ info@balneariodemondariz.com