Emi de las Heras creou en 2014 este grande mural ao que chamou Saltimbanquis.
Un grupo de acróbatas protagonizan o seu mural, unha imaxe sutil, etérea, sinxela, delicada, de influencia minimalista e inspirada no mundo do circo. Estas formas achéganse ao op art (arte óptico), que se caracteriza por crear efectos ópticos xogando con recursos plásticos como o fondo-figura, ou o contraste entre as cores.
As figuras están formadas por siluetas en branco e negro que penduran de lazos de cores, ambos de formas xeométricas. Na parte superior do mural, adaptándose á forma do edificio e aos seus elementos, como as ventás, que tamén foron un recurso máis na composición, xorde unha figura de maior escala acompañada de estrelas. O gorro, as pestanas esaxeradas, o xesto, recordan ás figuras do mundo do espectáculo, que tralas máscaras, a maquillaxe e o vestiario, crean unha escenografía máxica.
Na parte inferior dereita, no muro adosado á casa, atopamos a representación de Pierrot. Esta personaxe representa ao pallaso ferido de amor, o namorado de Colombina, de cara branca, melancólica e adornado cunha gran gorguera. No fondo volven aparecer as formas xeométricas, xerando unha ilusión de movemento ou volume.
Formalmente, é unha composición que xoga coas cores planas pero vibrantes e formas xeométricas sinxelas, resultando unha composición lixeira, etérea, ao igual que os movementos das acróbatas penduradas no aire.
A artista quixo amosar as dobrezas deste universo, feliz de cara ao público mais tamén un mundo de enganos que se agochan detrás dese espectáculo de fascinante ledicia.
Emi de las Heras é unha artista galega, nada en Carballo, que destaca en arte urbana, ilustración, pintura, audiovisuais, escenografía e a docencia, con numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas.