Nove Noel
O galego Nö3l é sen dúbida algunha un dos principais talentos da arte urbana galega. O seu estilo destaca por unha forte expresividade moi influenciada pola xestualidade das linguaxes da banda deseñada e unha técnica pictórica complexa e graficamente densa.
Neste impresionante mural de grandes dimensións que titulou "Home Carballo", o artista galego xoga cunha composición narrativa formada por tres viñetas que podemos ler de esquerda a dereita e nas que narra unha pequena historia que brinda homenaxe á nosa vila. Na parte esquerda, emerxe unha figura masculina semihumana, a cabalo entre árbore (carballo) e home, que brota de entre as pedras (dolmen) para mutar de árbore a humano. Mentras que no lado dereito, vemos a progresión inversa na figura dun animal con caracteres femininos, a medio camiño nunha mutación de animal a humano. A imaxe conxunta representa a dualidade entre o masculino e o feminino e a simbiose entre o humano e a natureza, mesturando estes dous conceptos como obxectivo para atopar un equilibrio de convivencia e harmonía entre ámbalas dúas realidades.
É unha homenaxe á vila de Carballo e á árbore en si mesma, unha profunda reflexión sobre o devir da nosa especie en relación co medio no que vivimos.
NOVE NOEL
O galego Nö3l, natural de Rianxo (A Coruña), é un dos maiores expoñentes da rica escena da arte urbana galega, con moitas influencias que van dende a banda deseñada ata o grafitti. É Técnico Superior de Ilustración pola Escola de Artes Pablo Picasso de A Coruña (EASD) e comunicador audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela.
Foi premiado polo seu traballo no 3º Concurso de Ilustración Sociedad Valle del Oro (2010) e GZ Crea (2012 e 2017) , recibe becas de creación e residencia artística en Cordoba (España) , Anoguleme (Francia) e Guadalajara (México) onde realiza súa primeira mostra individual na Galeria Apollinaire en maio de 2016.
O seu estilo destaca por unha forte expresividade, na que se observa inequivocamente a xestualidade das linguaxes do cómic e unha técnica pictórica complexa e graficamente densa, unha amalgama de formas e conceptos que bebe de distintas fontes como o postgraffiti, o deseño e a ilustración contemporánea.
Cunha liña clara e depurada, conta historias gráficas onde se mistura a mecánica material coa orgánica rural. Dende a imaxinación subconsciente a través da narrativa da arte secuencial, emerxen formas e gamas de cor que queren comunicar sentimentos, recordos e emocións traídas doutro lado do espello.
Nos últimos anos foi convidado por múltiples eventos como Desordes Creativas (Ordes), O Marisquiño (Vigo), Cul-Tur (Vizela, Portugal) ,Intramurs (Valencia), Festival Pintura Fresca (Tlajomulco, México), MUJAM (Cidade de México) ou Festival Muros Despiertos (Acapulco, México).
Participou no Rexenera Fest de 2016, creando o mural da rúa Barcelona, 22.